
Isto tiña pensado escrebelo onte, pero un erro na base de dados do servidor (máis unha vez) non permitía o acceso nen á administración nen á visualización deste blogue.
O 6 de decembro está marcado como día festivo no calendario por ser o día no que se conmemora a aprobación da Constitución Española de 1.978, que se queda en mera conmemoración institucional, pois a maioría da xente o que fai é tomar o día de descanso e incluso facer ponte, o que nos permite ver no noso povo un número importante de turistas a pesar de estar case no inverno e chover a caldeiros.
Xa van 28 anos con esta Constitución e os distintos governos non foron quen de facer cumprir os dereitos fundamentais que se recollen no texto do 78, acadando na actualidade unha situación de precariedade xeralizada que afecta sobre todo á mocidade e ás mulleres. Un claro exemplo é o do acceso á vivenda digna, á que todos temos dereito, pero na realidade non está garantido polas propias regras do mercado e a insuficiente actuación das administracións públicas. O propio relator da ONU sobre vivenda Miloon Kothari indicou que en España “é evidente que o que está acontecendo é que se vulneran o artigo 47º da Constitución e outros tratados de dereitos humanos” tras reunirse con diversos colectivos de afectados e asegurando que “é peor do que imaxinara e do que transcende”.
Na actualidade o marco constitucional está socialmente roto e politicamente ferido na súa lexitimidade. Esta Constitución foi valeirada de contido por trinta anos de políticas neoliberais aplicadas por governos do PSOE e PP. É tempo dunha superación do actual modelo de estado, é preciso un novo proceso constituínte, non parches para que poida reinar unha muller, senón para que poida mandar no Estado calquer cidadán que se postule e sexa elexido democraticamente. É tempo de ir cara unha III República. Mais os comunistas e republicanos de esquerdas en xeral vemos que con iso soamente non chega para garantir os dereitos de que antes falabamos. A república é só a forma de Estado, é preciso completala cunha forma de governo que lle dea contido ao que estamos dicindo, e esa forma de governo é a democracia participativa. Unha nova democracia para unha República de novo tipo.
En O Grove estamos acostumados a esta precariedade xeralizada da que falamos. Tanto no emprego, coa súa altísima taxa de temporalidade e o alto desemprego, como no acceso á vivenda, nas alternativas de ocio case inexistentes, no aceso á educación, cuns ciclos de FP pouco acordes á demanda laboral ou ausencia de algunhas especialidades do bacharelato no noso municipio, no deporte e a saúde…
Desde Esquerda Unida dicimos xoo a esta espiral de precariedade, queremos mudar as cousas. Temos unha alternativa. Como di o hino do noso país, “os tempos son chegados”. Desde EU realmente traballaremos para que isto sexa así, que os tempos sexan chegados, e unha sociedade mellor, máis democrática e participativa faga de O Grove e do país en xeral un lugar onde vivir, traballar, divertirse e aprender sexa algo digno e gratificante.
