
Onte volvín a ver a película Casablanca, que os estudios Warner Brothers filmaron no ano 1.942 coma unha máis das moitas películas que realizaban ao ano. Pouco sospeitaban que este filme se convertiría nunha das obras mestras do cine universal.
Esta película exerce unha estrana atracción sobre min. A perfecta interpretación por parte dos actores, a extrema elegancia dos personaxes, o seu saber estar, ao acender un cigarrillo co anterior, esa pose ante os seus inimigos ou amores perdidos, ese final inesperado por inusual, o Rick’s Café, Renoir, Ugarte, Rick, Ilse, Laslo, Sam, todos sublimes ante a Guerra e cada un no seu lugar da historia, cumprindo á perfeición o seu papel. Mais tamén me atrae porque me trae un agradábel recordo da primeira vez que a visionei. Tal vez as palabras de Renoir a Rick tamén sexan válidas para min e serei un sentimental. Non estou en condicións de afirmalo, mais tampouco de negalo. Quen sabe…
