Anotando

Entries from Febreiro 2007

Jail Bait

Febreiro 26, 2007 · 7 Comentarios

Onte estiven vendo o segundo filme do considerado por algúns peor director da historia do cinema, Ed Wood Jr. O título é Jail Bait, e amosa a historia do fillo dun afamado ciruxano plástico que se asocia cun gánster. Dan un golpe nun teatro co saldo dun morto e unha ferida, polo que o rapaz se quere entregar, cousa que o seu socio non vai permitir.

Como non pode ser doutro xeito, Ed Wood entréganos un filme cutre, no que a pesares de haber tiros, mortos, e incluso unha operación de ciruxía plástica, non se ve nen unha pinga de sangue. A trama faise predecíbel, e o argumento ten algunhas lagoas, pero a Ed todo se lle pode perdoar.

Jail Bait non alcanza á obra mestra de Wood (segundo quen a mire) Plan 9 from outer space, pero é altamente recomendábel aos que amedes a cultura trash.

Categorías: Cine

Como interpretar os resultados dun referendo

Febreiro 22, 2007 · 8 Comentarios

A semana pasada, non sei se vos acordaredes, pero houbo en Andalucía referendo sobre o seu novo estatuto de autonomía, que saiu apoiado por un 87,5 % dos votantes. Hai case un ano, no referendo catalán sobre o seu estatuto, votaron a favor un 74 % dos participantes. Fixo onte dous anos, un 76 % dos votantes apoiaron o Tartado Constitucional Europeo.

E a que ven isto? Pois aos diversos xeitos de interpretar estes dados que existen.

Para o xornal El Mundo mentres o resultado do referendo europeo foi un éxito rotundo do , os referendos catalán e andaluz foron un castigo da cidadanía aos conceptos de nación e realidad nacional (ver comparación de portadas). E todo isto grazas ás insignificantes participacións en todos e cada un dos referendos citados.

Para o PSOE, todos os resultados foron grandes respaldos da cidadanía aos documentos presentados a refrendo polular, quen respondeu con civismo e talante ás convocatorias.

Para o PP, a escasa participación no referendo europeo foi culpa de ZP, no catalán foi unha repulsa ao nocionalismo, e en Andalucía foi culpa de Chaves e dos comunistas . É curioso o PP de Andalucía, que pediu o , a pesares de que hai artigos calcados ao Estatuto de Cataluña que o mesmo partido ten recorridos ante o Tribunal Constitucional.

Eu penso que todos estos referendos foron un fracaso xa que a cidadanía non acudeu a votar porque ou non estaban enterados de que ía o tema (desinformación, no do Tratado Constitucional houbo moitísima), ou non lles interesaba un carallo, ou dáballes igual que se si que se non… en definitiva, obtiveron un respaldo minoritario por moitos motivos. Eu penso que un referendo, ou unhas eleccións nas que non vaia votar polo menos o 50 % do censo, o resultado non ten validez porque exclúe a maioría da poboación.

Mais unha cousa queda clara: mentres sega habendo resultados así, as interpretacións faranse según conveña, e todos serán vencedores á vez.

Categorías: España · Internacional · Política

A dereita e a memoria

Febreiro 16, 2007 · Deixa un comentario

Chegoume vía correo electrónico unha misiva de Dionisio Pereira González na que denuncia que uns familiares duns represores franquistas que el sinalou no seu recente libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo editada por Verbo Xido, presentaron contra el unha demanda de conciliación na que lle piden que se retracte e o faga público nos mesmos medios en que foi publicado e acepte unha indemnización por danos e perxuízos nunha cantidade a determinar no momento procesal oportuno.

Este compañeiro historiador asegura que non pode retractarse, pois son diversas as fontes que sinalan a esas persoas como represoras e militantes de Falange durante os anos 40 e 50 so século pasado.

A dereita española non quere Memoria Histórica porque saben que o que fixeron foron crimes moi graves. Atacaron á democracia, pero o mais importante, mataron e represaliaron a moitísimas persoas simplemente polo seu xeito de pensar, ou simplemente por sospeitas. Agora Rajoy non está nin con Felipe V nin cos suevos, que estamos en un país moderno, coño, berra ¡Viva el vino! e mira para outro lado, mentres os seus partidarios tentan borrar a memoria do que ocorreu en España durante 40 anos.

A tarefa de recuperación da Memoria Histórica é unha tarefa importante, pois permitiranos non volver caer nos mesmos erros que se cometeron no pasado, para conquerir un mundo mellor. Neste sentido, o próximo día 22 de febreiro, na Galería Sargadelos de Vigo, haberá un acto titulado Memoria Histórica e Municipalismo, organizado por Esquerda Unida e o Foro Galego pola Memoria, onde falarán a candidata á alcaldía viguesa por EU e o académico da língua galega Xesús Alonso Montero, presidente do Foro Galego pola Memoria.

Pola miña parte soamente engadir: Viva a República! A Terceira é nosa!

Categorías: Galiza · Política

Feísmo

Febreiro 11, 2007 · Deixa un comentario

Nos últimos tempos está moi de moda falar de urbanismo, especulación inmobiliaria e asuntos relacionados. Pero algo do que nos estamos a esquecer é do fenómeno denominado feísmo, que tanto dano ten feito á paisaxe galega e Ogrove non é excepción.

Este termo non é de fácil defininición, e abrangue amplos espazos que inflúen nel. Pero existe unha páxina en internet El Feísmo en Galicia (está en castellano a pesares de ser exclusivamente sobre o noso país) no que se aportan dados para comprender mellor o fenómeno do feísmo, a súa relación coa arquitectura, o urbanismo e a cultura. Ademais dispoñen dunha galería pública na que amosan distintos exemplos desta lacra no noso país, xunto cun concurso fotográfico coa temática do feísmo.

Relacionado con este tema, este ano pasado publicáronse nos seus últimos meses un par de libros que, a pesares de que aínda non puiden botarlles un ollo, recomendo deixándome guiar por Manuel Bragado. Trátase de Feísmo? Destruir un país da Difusora de Letras, Artes e Ideas, e Arquitectura popular galega. Razón e contrución, da colección Grandes Obras>Edicións singulares de Xerais.

Sen dúbida, toda esta documentación énos útil para ter un bon criterio urbanístico baseado no coñecemento do fenómeno do feísmo e na arquitectura popular galega, permitíndonos atallar no futuro a lacra feística e conquerir un urbanismo ordenado, coherente coa paisaxe e que as nosas vilas e cidades sexan lugares nos que poder vivir sen os porblemas actuais.

Categorías: Cousas · Galiza

Motivos contundentes

Febreiro 11, 2007 · 1 comentario

Hicimos ese concierto porque nos hacía falta la pasta para… pues joder, para gastar pasta.

Marky las Vegas en Vinilo o 9 de Febreiro de 2.007

Categorías: Citas

Empezando de novo

Febreiro 11, 2007 · Deixa un comentario

Como seguramente algún de vós sufreu, o sitio no que tiña (ainda está) aloxado o meu blogue está sufrindo problemas polo que non se pode acceder ao contido senón que aparece publicidade que non leva a ningún lado. Por iso decidín pasarme a este outro servizo de blogues libre de publicidade e bastante bo.

Agora mesmo estou tentando portar todos os contidos anteriores aquí, pero polo de agora non estou obtendo resultados. Se ben este novo proveedor ten unha configuración por defecto moito máis limpa e versátil que o anterior, é moito menos customizábel.

Agardemos non ter novos problemas…

Categorías: Uncategorized

Problemas co servizo de hosting

Febreiro 10, 2007 · Deixa un comentario

Como seguramente sufríchedes, este blogue está tendo unha especie de ataque publicitario. A verdade é que nom sei a que é debido. Seguirei tentando amañar este molesto incidente, e se non o consego poreime en contacto co proveedor do servizo a ver que está a pasar, ainda que supoño que tiña que ter previsto que un servizo gratuito de hosting con suporte php e base de dados mysql teria que dar algún problema tarde ou cedo.

Categorías: Cousas

Moción sobre aforro de auga

Febreiro 2, 2007 · Deixa un comentario

No Pleno Municipal do pasado mes de xaneiro, aprobouse por unanimidade unha moción que presentou Esquerda Unida sobre aforro de auga no noso concello. Póñoa á disposición de quen esté interesado en coñecer o seu contido.

Trata sobre a posibilidade de que os cidadáns intalen nas súas casas de xeito voluntario e gratuíto uns aparellos nas villas que reducen o consumo de auga, así como mellorar a rede de abastecimento.

É coñecido por todos que en Ogrove polo verán sempre existiron problemas de abastecimento de auga, polo aumento de poboación desas datas e pola precariedade das instalacións que nos fornecen. Ademais a auga potábel é un ben cada vez mais escaso debido ao abuso e mala xestión deste líquido indispensábel para a vida.

Agora agardemos a que realmente se comecen a tomar medidas e a cercanía das eleccións non sexan un obstáculo. Desde Esquerda Unida tentaremos que estas medidas se comecen a estudar xa, pois o noso compromiso co Medio Ambiente e o Benestar Social é profundo.

Categorías: O Grove · Política