Anotando

Fin de semana ocupado

Abril 18, 2007 · Deixa un comentario

Xa levo bastante tempo sen actualizar o blogue. A verdade é que esta fin de semana estiven algo ocupado, polo que non puiden actualizar como me gustaría, sobre todo para facer unha homenaxe á República o sábado.

O xoves estiven reunido coa dirección de Emgrobes, para coñecer as demandas deste sector. A verdade é que a maioría das súas propostas xa as tiñamos recollidas no noso programa electoral, e ante a breve exposición que fixen das nosas liñas programáticas os presentes mostraron o seu acordo na necesidade de impulsar a democracia participativa no noso Concello, e en especial o Consello Económico e Social.

O venres pola tarde estiven xogando unha pachanga cos colegas e logo na sede estivemos preparando un pouco o que sería a presentación que fixemos o sábado dos cinco primeiros postos da nosa candidatura. A presentación fixémola conxuntamente cos nosos camaradas de EU de Vilagarcía de Arousa, quen presentaron aos dez primeiros postos da súa lista, nun acto caracterizado por realizarse nun 14 de abril, no 76 aniversario da proclamación da II República, e que unha forza republicana como EU celebramos especialmente.

O mesmo sábado pola noite acudín xunto algúns camaradas á cea organizada pola Comisión pola Memoria Histórica de O Grove, para rematar a noite na festa IV aniversario da revista Mundo Vermello, publicación eleborada pola Xuventude Comunista en Vilagarcía.

O domingo pola mañá, asemblea de EU para comentar un pouco o programa e darlle os últimos retoques necesarios, e xa pola tarde virme para Vigo.

Agora a actualidade no noso Concello céntrase na cancelación do Campionato de Tiro ao Pichón. Desde EU mantemos as nosas críticas á organización e sectores afectados pola pasividade coa que trataron o asunto. Agora toca buscar alternativas para atraer mais visitantes á nosa vila. Neste aspecto, desde EU obsevamos que en O Grove hai unha ausencia total de planificación turística, a pesares de ser esta actividade un dos piares económicos do Concello. Culpábel directo disto é a xestión que o PP ven realizando nos últimos oito anos, polo que vemos necesario un cambio de goberno municipal que traballe conxuntamente coas asociacións do sector para planificar e atraer un turismo de calidade ao noso Concello, que redunde tamén na calidade dos postos de traballo do sector hosteleiro, que na actualidade son inasumibelmente precarios. Desde EU ofrecémonos voluntarios para tal tarefa.

Categorías: Esquerda Unida · O Grove · Política · Xuventude Comunista