Están en perigo as pensións públicas?
Nos últimos tempos estamos a observar como desde diversas tribunas se está a poñer en dúbida a viabilidade do sitema público de pensións en España. O Goberno do Estado, apoiado no Partido Socialista Obreiro Español, presidido por José Luis Rodríguez Zapatero deixou cair, refrendado por Celestino Corbacho, Ministro de Traballo, unha das vellas propostas coa que a dereita neoliberal leva tempo soñando, o alongamento da vida laboral até os 67 anos de idade, xustificando que o sistema público de pensións español non é viábel e quebrará nun futuro próximo, facéndolle unha publicidade (gratuíta?) á banca e aos seus plans de pensións privados difícil de pagar (condonación de débeda ao PSOE?).
Os sindicatos comezaron a mobilizarse en contra desta medida este mes de marzo con manifestacións en diversas cidades do Estado, con gran apoio popular debido ao enorme rexeitamento que esta proposta desperta na clase traballadora ao tratar de arrebatarlle o que se considera unha conquista histórica do movemento obreiro. No noso país, A Coruña, Vilagarcía, Vigo, Lugo e Ourense foron as elexidas polas centrais sindicais. A pesares disto a intoxicación en prol desta medida que estamos a sufrir por parte dos medios de comunicación masiva non axuda aos que defendemos o dereito á xubiliación e á unha pensión digna, nunha tentativa por parte do Capital de mover á opinión pública cara os seus postulados.
Para contrarrestar isto, os economistas de ATTAC Vicenç Navarro, Juan Torres López e Alberto Garzón tiran do prelo un libro tratando de explicar todas as confusións que se están a crear sobre o tema, titulado ¿Están en peligro las pensiones públicas?. Nel, tratan de respostar con estilo sinxelo as diversas cuestións que a maioría da xente nos facemos estos días relacionadas coas pensións e a xubilicación, desmontando as mentiras e argumentos falaces utilizados pola dereita e a Banca (e agora tamén polo PSOE e o Goberno) en contra do sistema público de pensións. O libro pódese mercar en versión impresa a un prezo de tres (3) euros, ou de xeito gratuíto na súa versión dixital en formato PDF. Atopará a ligazón para a súa descarga así como a información sobre os puntos de venda da versión impresa en calqueira das páxinas ligadas dos autores ou da propia ATTAC.
Unha leitura recomendada para estes días.