Anotando

Entries categorized as ‘Galiza’

En lembranza de Xaime Quessada

Xaneiro 11, 2008 · Deixa un comentario

Texto tirado da página web do Partido Comunista de Galicia em honor de Xaime Quessada, exemplar comunista e artista galego inimitável.

Xaime Quessada

O falecemento de Xaime Quessada non só supón unha irreparable pérda da plástica galega, supón a perda dun dos referentes intelectuais do antifranquismo e do compromiso co socialismo. Dende os tempos da clandestinidade, co sea aporte intelectural e artistico foi un dos referentes do comunismo ourensano participando activamente nas campañas promovidas polo PCG. As abundantes obras e actos de Xaime con esa causa afortunadamente enchen paredes e libros da nosa terra e son parte imborrable da memoria cultural de Galicia.

Jaime Quesada Porto, coñecido artisticamente como Xaime Quessada, naceu en Ourense en 1937. Con dezanove anos ingresou na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, entrando a formar parte, con José Luis de Dios e Acisclo Manzano, do grupo O Volter, inspirado por Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo. En Madrid, intégrase no grupo Acento.

(máis…)

Categorías: Galiza · Partido Comunista

The Homens

Novembro 3, 2007 · Deixa un comentario

Onte estivem em Compostela no concerto dos The Homens na sala Nasa. O grupo de power pop galego estivo a verdade bastante bem, com gram energia no escenário e empalmando um tema tras outro com grande vitalidade.

Por desgraça nom se pode dizer o mesmo de quem os precedérom, os tamém galegos Fanny + Alexander. Insulsos, sem força, sem graza e totalmente faltos de presença som os qualificativos que lhes podemos ofrecer a este duo de tonti-pop electrónico. Tentárom facer-se os macarras no seu último tema cum estribilho que repetia “merda de DJ”, mas o que fissérom foi o ridículo. Menos mal que só chegamos ao final da sua atuaçom e que The Homens puxérom no escenário o que os seus teloeiros nom fórom capaces.

Categorías: Galiza · Música

O dereito a saber, a liberdade a investigar

Setembro 16, 2007 · Deixa un comentario

Esta semana celebraranse en O Grove, entre os días 19 e 22 no Cine O Mariño, as xornadas O dereito a saber, a liberdade a investigar, organizadas pola Iniciativa Galega pola Memoria Histórica, o Consello pola Memoria e a Asociación pola Memoria Histórica do Grove.

Estas xornadas comprenden conferencias, presentacións, proxeccións e táboas sobre a memoria histórica e a investigación e os seus problemas, contando coa presenza de excelentes poñentes coñecedores da materia como Víctor Manuel Santidrián Arias, por poñer só un exemplo.

Para máis información, visita o páxina web das xornadas, onde poderás atopar a declaración de principios, a composición da comisión organizadora así como o programa definitivo.

Categorías: Galiza · Memoria Histórica · O Grove

O naval en loita

Maio 10, 2007 · Deixa un comentario

Supoño que vos chegarían as noticias da folga do sector do naval da provincia de Pontevedra que se está a librar estes días. Os traballadores, ante o incumprimento por parte de varias empresas do sector do convenio provincial asinado hai escasamente un ano e curiosamente despois dunhas duras xornadas de folga en todo o sector do metal pontevedrés, estanse a mobilizar na cidade de Vigo con cortes de avenidas e outras medidas de presión. A resposta da patronal é negarse a sentarse a negociar, botando balóns fora e tentando facer ver como exaltados e incívicos aos traballadores que reclaman os seus dereitos. O resto da clase traballadotra só podemos facer unha cousa, dar o noso apoio e solidariedade aos traballadores do naval en folga. Adiante compañeiros!

Comunicado da Xuventude Comunista en solidariedade cos traballadores do naval.

Categorías: Galiza · Xuventude Comunista

Conferencia da XCG

Abril 29, 2007 · Deixa un comentario

Este sábado, despois de pola mañá realizar a presentación da candidatura de EU-EdG ante o medios de comunicación, e ir comer á casa da miña avoa, marchei a toda presa para acudir pola tarde á Conferencia Galega de Volta do X Congreso da UJCE, celebrada en Vigo.

Cheguei xusto cando se estavan debatindo as enmendas á parte do Documento Político redactada por min, polo que puiden facer a defensa do texto orixinal, aínda que en realidade asumín todas as enmendas presentadas. A Conferencia transcorreu con un interesante debate teórico sobre as enmendas ao Documento Político, e elexiuse ao novo Comité Nacional por inmensa maioría, órgano que se encargou despois de elexir ao novo Secretario Político da XCG, que volveu a ser o Camarada Sergio Couto da Coruña.

Destacar a renovación de parte dos membros nominais do Comité Nacional do cal xa non formarei parte (tal vez como representante do Colectivo de O Grove), e o interesante discurso realizado por Juan Iglesia, Secretario Xeral da UJCE. Tamén estivo como organización convidada a Mocidade pola Normalización Lingüística, quen deu un afectuoso saúdo á Conferencia.

Podedes ler máis na páxina web da XCG.

Categorías: Esquerda Unida · Galiza · Língua · O Grove · Política · Xuventude Comunista

Bon Biaxe

Marzo 19, 2007 · Deixa un comentario

Esto foi recoyido na area de serbicio de Medas de
Santiago de Compostela o 18 de marzo de 2007. Binte ou
trintanos mais tarde, e moitos miyós deuros despois,
por fin a Normalizazión do galego ten ésito. O esforzo
economico e educatibo da Xunta, pagado por todos nos,
baleu a pena. Que lingua nin que lingua? Que e eso de
falar dun-ha maneira iescribir doutra? Biba a fala!

Subenziós pro Galego!

—————————————————————————————-
Isto recibino por e-mail, e amosa a precariedade na que vive a nosa lingua. E aínda hai grupos que protestan porque se potencie o ensino do galego nas escolas…

Categorías: Cousas · Galiza · Língua

Día da Clase Traballadora Galega

Marzo 9, 2007 · Deixa un comentario

Como cada 10 de marzo desde que en 1.979 dous trablladores da Empresa Nacional Bazán en Ferrol, Daniel Niebla e Amador Rey, morreran en confrontación coa policía nunha revolta obreira, celebramos o Día da Clase Traballadora Galega. Este ano teremos tamén manifestación en Ferrol convocada polo Sindicato Nacional das Comisións Obreiras de Galicia (ao cal pertencían estes dous traballadores así como outros moitos dos represaliados ese día en Ferrol).

Para a Xuventude Comunista esta é unha data importante no calendario, pois axuda a reforzar a conciencia de clase do pobo galego e a recordar as loitas que se tiveron que librar no pasado para poder acadar os dereitos que hoxe en día estamos a perder.

O espírito desta convocatoria queda reflexado no seguinte comunicado da Xuventude Comunista:

10 de Marzo:que non precaricen as nosas vidas.

O 10 de Marzo de cada ano comemoramos o Día da Clase Traballadora Galega desde que en 1.972 dous traballadores da Empresa Nacional Bazán, Daniel Niebla e Amador Rey, morreran ás mans da policía, quen causou tamén decenas de feridos entre os que se atopaba o camarada Xulio Aneiros, quen xunto a Daniel, Amador e todos os que aquel 10 de Marzo do ‘72 se ergueron contra a inxustiza, pola Democracia e os Dereitos dos Traballadores, forman parte dos bos e xenerosos que di o hino daTerra.

Hoxe, mais de tres décadas despois, a Clase Obreira Galega ainda non goza con plenitude os dereitos polos que todos eles loitaron. Hoxe, a precariedade é o modelo que se lle impón aos
traballadores, en especial ás mulleres e á xuventude. Hoxe, na Xunta de Galiza atopámonos co goberno do continuísmo que se di de esquerdas, quen xunto aos distintos gobernos que se foron sucedendo nesta monarquía parlamentaria foron afondando no modelo neoliberal que precariza as nosas vidas, convertendo en papel mollado as conquistas de todos os homes e mulleres que se enfrontaron á ditadura. Falarlle hoxe a un mozo ou moza de emprego digno ou vivenda acesíbel é falarlle dun imposíbel, pois a temporalidade, a subcontratación e o mercado, en definitiva, a precariedade, imposibilítanos á xuventude desenvolvernos sen que desde os organismos públicos se faga nada por remediálo, máis ao contrario, afóndase no modelo en beneficio do Capital.

Os tempos son chegados, e é hora de que a mocidade galega, traballadora e estudantil, recupere o espírito de loita dos herois do 10 de Marzo e se erga en contra da precariedade e as inxustizas
polos dereitos sociais, por unha III República con Democracia Participativa garante dos nosos dereitos.

Categorías: Galiza · Política · Xuventude Comunista

A dereita e a memoria

Febreiro 16, 2007 · Deixa un comentario

Chegoume vía correo electrónico unha misiva de Dionisio Pereira González na que denuncia que uns familiares duns represores franquistas que el sinalou no seu recente libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo editada por Verbo Xido, presentaron contra el unha demanda de conciliación na que lle piden que se retracte e o faga público nos mesmos medios en que foi publicado e acepte unha indemnización por danos e perxuízos nunha cantidade a determinar no momento procesal oportuno.

Este compañeiro historiador asegura que non pode retractarse, pois son diversas as fontes que sinalan a esas persoas como represoras e militantes de Falange durante os anos 40 e 50 so século pasado.

A dereita española non quere Memoria Histórica porque saben que o que fixeron foron crimes moi graves. Atacaron á democracia, pero o mais importante, mataron e represaliaron a moitísimas persoas simplemente polo seu xeito de pensar, ou simplemente por sospeitas. Agora Rajoy non está nin con Felipe V nin cos suevos, que estamos en un país moderno, coño, berra ¡Viva el vino! e mira para outro lado, mentres os seus partidarios tentan borrar a memoria do que ocorreu en España durante 40 anos.

A tarefa de recuperación da Memoria Histórica é unha tarefa importante, pois permitiranos non volver caer nos mesmos erros que se cometeron no pasado, para conquerir un mundo mellor. Neste sentido, o próximo día 22 de febreiro, na Galería Sargadelos de Vigo, haberá un acto titulado Memoria Histórica e Municipalismo, organizado por Esquerda Unida e o Foro Galego pola Memoria, onde falarán a candidata á alcaldía viguesa por EU e o académico da língua galega Xesús Alonso Montero, presidente do Foro Galego pola Memoria.

Pola miña parte soamente engadir: Viva a República! A Terceira é nosa!

Categorías: Galiza · Política

Feísmo

Febreiro 11, 2007 · Deixa un comentario

Nos últimos tempos está moi de moda falar de urbanismo, especulación inmobiliaria e asuntos relacionados. Pero algo do que nos estamos a esquecer é do fenómeno denominado feísmo, que tanto dano ten feito á paisaxe galega e Ogrove non é excepción.

Este termo non é de fácil defininición, e abrangue amplos espazos que inflúen nel. Pero existe unha páxina en internet El Feísmo en Galicia (está en castellano a pesares de ser exclusivamente sobre o noso país) no que se aportan dados para comprender mellor o fenómeno do feísmo, a súa relación coa arquitectura, o urbanismo e a cultura. Ademais dispoñen dunha galería pública na que amosan distintos exemplos desta lacra no noso país, xunto cun concurso fotográfico coa temática do feísmo.

Relacionado con este tema, este ano pasado publicáronse nos seus últimos meses un par de libros que, a pesares de que aínda non puiden botarlles un ollo, recomendo deixándome guiar por Manuel Bragado. Trátase de Feísmo? Destruir un país da Difusora de Letras, Artes e Ideas, e Arquitectura popular galega. Razón e contrución, da colección Grandes Obras>Edicións singulares de Xerais.

Sen dúbida, toda esta documentación énos útil para ter un bon criterio urbanístico baseado no coñecemento do fenómeno do feísmo e na arquitectura popular galega, permitíndonos atallar no futuro a lacra feística e conquerir un urbanismo ordenado, coherente coa paisaxe e que as nosas vilas e cidades sexan lugares nos que poder vivir sen os porblemas actuais.

Categorías: Cousas · Galiza

O Louxo rectifica

Xaneiro 26, 2007 · Deixa un comentario

Despois de que o Hotel Louxo da Toxa fose duramente criticado por pedir por escrito aos seus empregados que non utilizasen o galego (ver foto do documento en cuestión), parece ser que a dirección deste centro hoteleiro rectifica e fará un proceso de galeguización das súas instalacións, segundo informa a Mesa pola Normalización Lingüística.

O Louxo foi noticia desde hai un par de semanas tras distribuirse por correo electrónico a fotografía do documento que se lles entrega aos traballadores do hotel no que se sinalan algunhas normas e consellos a seguir, entre os cales está a de non falar galego. De seguido se montou unha campaña en internet para pedir a retirada do distintivo de Galicia Calidade (non era para menos) e organizacións de defensa do idioma, como a Mesa, puxéronse en contacto coa dirección do hotel ao que incluso pensaron denunciar ante a Inspección de Traballo. Mais agora parece que todo tende á normalidade e o Louxo ofrecerá os servicios web, facturas, etc en galego, segundo confirma o seu director Manuel Amoedo.

Categorías: Cousas · Galiza · O Grove